Friday 17 de May de 2024

O BNG apoia á veciñanza e esixe médico para Corrubedo


Os nacionalistas póñense a disposición da veciñanza e traballarán para garantir o dereito á saúde

O BNG mostrou hoxe o seu apoio ás demandas da veciñanza de Corrubedo que se concentrou para esixir que a Consellaría de Sanidade dote de persoal médico e recursos suficientes centro de saúde da parroquia. Os nacionalistas aseguran que o deterioro que sofre a Atención Primaria en Ribeira está motivado pola precariedade laboral que padece o persoal sanitario e por culpa dos recortes orzamentarios aplicados polo Goberno galego. Esta situación provoca falta de profesionais, listaxes de agarda para acudir a unha cita médica e unha atención de peor calidade.

Os nacionalistas cren que Corrubedo podería vivir unha situación semellante á de Palmeira que tivo que padecer a falta de médico durante meses até que a loita veciñal conseguiu forzar ao Goberno galego a cubrir a praza cunha doutora a tempo completo.

O voceiro do BNG, Luís Pérez Barral, recrimina que non é lóxico que a veciñanza estea sen atención médica durante días e días ou que o centro médico de Ribeira estea nunha situación de “colapso” absoluta ao haber 5 prazas de persoal sanitario sen cubrir das 14 que hai en total.

“Os recortes do Partido Popular están provocando importantes prexuízos á poboación rural pois, ao non substituír o médico, as persoas maiores de Corrubedo deben desprazarse ao centro de saúde de Ribeira en autobús ou en taxi, supoñendo un gasto económico, ou ben depender doutras persoas para o seu traslado. Este feito supón, ademais, unha sobrecarga de traballo que soborda a capacidade dos xa escasos profesionais que hai no centro ribeirense”.

Evitar o peche de Corrubedo

Os nacionalistas acusan ao Goberno galego de querer clausurar os centros de saúde rurais e lamentan que ante ante un problema tan grave que lle afecta á poboación o goberno local estea desaparecido, “está claro que defenden o PP por riba dos intereses da veciñanza ribeirense”.

Os membros do BNG temen que a falta de médico durante días e días sexa a antesala perfecta para o feche do consultorio de Corrubedo como aconteceu cos de Taragoña e Cabo de Cruz, clausurados a comezos da pandemia e que nunca máis volveron abrir. “Intentárono con Palmeira e agora van a por Corrubedo, non imos consentir que desmantelen o sistema público de saúde que tanto custou construír. Traballaremos a carón dos profesionais e da veciñanza para garantir o dereito a un sistema sanitario de calidade” aseverou Barral.

Ante toda esta situación, Barral compromete o traballo do BNG para apoiar á veciñanza e rexistrará iniciativas no Parlamento e no Concello para esixir que o Goberno galego cumpra cos acordos impulsados polo Bloque en ámbalas dúas institucións, cubra o 100% das vacantes de persoal sanitario que existen e se cubran as baixas médicas e vacacións que eviten a sobrecarga da Atención Primaria.